[O noso nome é]
O noso nome é
corpos para a caza, así nos chaman
Nada máis que alimento transitando
un bosque caducifolio
entregados ao vento
digo desviarnos e agardar o termo
da guerra, un campo final de xirasois
queimados
neste lugar tiñamos o costume
de cortarlle a cabeza
ao rei, señor
Vibra a estación que nos envolve
ningunha sima hai perante
as árbores
este quizais sexa quizais
un bosque infinito
eterno na súa caída invisible
Corpos para a caza
que nos estendemos e xa perdemos
calquera noción e a vista
que fomos ofrecidos aos confíns
da néboa
un lugar con propiedade
o dominio deste couto é
para o que traballamos
el é a división para
a que traballamos
con nome e sombras encadéanse
a pel, o fondo dos invernos
a última pinga dunha peza vacúa
sobre a mesa, sobre o bosque
Termidor nos corpos que brotan
da voz sen voz cando morre agudo
dese animal
Din e sobre o mármore descansa
a carne nun coiro que bebe dela
Escriben:
produciremos no corazón
entraremos nos campos
na caída invisible do bosque
para que as sombras sosteñan o corazón
sosteñan os campos
sosteñan todas as caídas
e conserven aínda o seu trazado
estas fragas que son atlas para a
caza
Así se ditan as súplicas
no lugar equivocado:
o tempo progresa contra
as nosas mans facéndoas
irrecoñecibles aos ollos
aos ollos das nosas mans
os que levamos dentro
aos nosos propios paxaros de luz